Fillos repudiados da Carroña



Fillos da Carroña

Autor: Uxío Tizón

Na aldea de SoCartos, onde as corredoiras cheiraban a estrume e a miseria era o único que compartir, reinaba sen coroa a vella Zocas. Ela, baixo un tellado vermello señorial, gardaba a chave da vida e da fame de cada veciño. A Zocas non labraba a terra nin tiña gando, pero posuía un caderno de coiro vello onde apuntaba o destino de todos nas liñas das débedas de cada un. O seu negocio medraba cando o inverno apreixaba as colleitas e as hipotecas asinadas con sangue pingaban almas pela devesa.

Nun outeiro fachendoso agromaba uma casoupa precaria, feita de canivetes de piñeiro e lousas fendidas que apenas sostiñan o vento. Aquela infame vivenda foi o trato da gran débeda que asinou coa Zocas a primeira hipotecada, MariCa1. Coas mans encallecidas e o lombo dobrado, pasou anos entregándolle o pouco que gañaba á prestamista para pagar as letras daquela cabana que coidaba, a infeliz, sería súa. Pero cando aquela colleita podreceu na terra e MariCa1 non tivo con que pagar a cota debida, activouse a engranaxe que algúns chaman destino.

Apareceu o Carroñas, o fillo repudiado da Zocas (disque nin ela recoñecía ter parido un voitre tal). Con tres ollos na fronte e traxe de señoritango, o Carroñas facía honra ao seu nome. Cunha frialdade que xeaba o sangue, mercoulle á cacique o dereito de cobro da hipoteca de MariCa1 por catro pesetas e, tras executar o embargo na xustiza da aldea, a recoñecida empresa "El justiprecio", botou á vella á rúa cun petate miserable i a mesma débeda.

Xusto na praza, inmóbil coma un espantallo de feira, estaba instalado o Alcalde Autómata, un boneco de castiñeiro i enferruxado metal que mandaran traer para remedar un rexedor do concello sen ter que escoitar os veciños. Ao pasar canda el MariCa1 chorando, sen casa e cunha débeda vitalicia, o mecanismo do boneco activouse, moveu a testa bigotuda de esquerda a redireita e dixo cunha voz de lata:

—Claro, probe, é que quixeches vivir por riba das túas posibilidades.

A choza non quedou baleira nin un intre. Coa mesma présa, a Zocas volveu tasar a vivenda máis cara e vendeulla hipotecada á seguinte ilusa, MariCa2. O folleto da promoción dicía: "Se non te hipotecas, non es ninguén".

A historia non mudou: o primeiro tropezo económico serviu para que o Carroñas, puntual como os corvos nunha leira de millo, mercase de novo a débeda impagada e mandase a MariCa2 ao desterro. Non sen ter que ouvir ao Autómata na praza:

—...por riba das túas posibilidades.

Despois veu MariCa3, e tras ela MariCa4, e máis tarde MariCa5. Todas entraban coa ilusión de ser donas posuidoras dese inferno de tellas podres, asinando un papel que as escravizaba, e todas saían descalzas cara ao camiño tras o embargo propiciado  polo Carroñas. E cada unha delas, mentres o fillo sumaba moedas no peto coas execucións e a Zocas riscaba o caderno, tiñan que escoitar a mesma estúpida leria do monicreque municipal. Ata que unha das MariCas, non se lembra qué número, pero aseguraba a berros e cos recibos na man, que pagara relixiosa e puntualmente tódolos meses, alporizada pola inxustiza dun goberno que non garante os seus dereitos, guindoulle uma pedrada tal, que tirou con el no chan: e alí quedou estragado, co peito de lata fendido nun fochanco negro do que saiu un resorte inmediato, un cable espiral automático rematado  cunha etiqueta onde podíase ler claramente: ACME. Rescatamos bancos, non persoas, e odiamos aos Correcamiños.

Ao final, na aldea de SoCartos decatáronse de que a choza nunca fora para vivir, era unha tapadeira capital. O preciso mecanismo de reloxería da prestamista só funcionaba para que eles gañasen espremendo sempre a mesma miseria en distintos suxeitos: pasou coas subprime, pasou coas preferentes e a ver qué rescates e qué tipo de fondos sácanse da manga calquera día. 

O boneco, por suposto, foi arranxado, pulido e cambiáronlle a letanía, que repite cada media hora. “ Se non invirtes, non existes”.




Comentarios

Entradas populares de este blog

LOS CABALLEROS LAS PREFIEREN MUDAS

MUJER, VIDA Y LIBERTAD

Morroño de otoño